miércoles, 31 de agosto de 2011

Asemblea de Pais e Nais. Resolucións.

Esta é Asemblea de Madrid. Na Arousa non eramos tantos, pero por aí lle andamos.

No día de onte, 30 de Agosto de 2011, no Salón de Plenos do Concello da Illa de Arousa, foi celebrada unha asemblea xeral para analizar a situación do IES Illa de Arousa de cara ao curso 2011-2012.
A esta asemblea asistiron representantes do profesorado do centro, do cal o equipo directivo explicou a situación, mais dun cento de pais e nais do alumnado e representantes dos partidos políticos con presenza na corporación municipal.

O IES Illa de Arousa non conta este curso nin con profesorado nin con espazos suficientes para ofrecer a oferta educativa que ten autorizada. A pesar de serlle concedido un grupo máis de alumnado que o curso pasado, pasando a contar con un PCPI (Programa de Cualificación Profesional Inicial) que viña sendo reivindicado hai anos, foi reducido o número de docentes nunha praza completa e outra compartida. É dicir, a máis grupos, menos profesorado.
Ademais disto, non se acepta a reivindicación do centro de contar con tres segundos da ESO, para reducir a conflitividade e mellorar a atención educativa.
Polo que respecta aos espazos, novamente se pon en evidencia a falta de aulas da que sofre o centro desde a súa creación, non tendo suficientes neste momento para atender a oferta autorizada pola propia Consellaría de Educación.

Durante a asemblea foi posto en destaque por pais e nais que tomaron a palabra, que este é un problema xa denunciado no curso pasado e sobre o que a Consellaría non tomou medidas, a pesar de terse comprometido a iso coa comisión creada ao efecto. Lembrouse que as familias abandonaron as mobilizacións en Setembro de 2010 despois da promesa de ser recibidos polo Xefe Territorial de Pontevedra, para analizar a situación crónica de déficit do centro e darlle solución, xuntanza que nunca chegou a celebrarse.
Por esta mesma razón, a Asemblea optou por solicitar unha xuntanza urxente co Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, para esixir a resolución destes problemas antes do comezo de curso, o vindeiro 16 de Setembro. Esta solicitude foi asinada e respaldada por unha comisión de pais e nais, de profesorado e así mesmo polo alcalde da Illa de Arousa e representantes dos tres grupos políticos do Concello: PSOE, PPdG e BNG.
Se esta comisión non é recibida polo Conselleiro, anunciará mobilizacións para os próximos días, pois as familias da Arousa non van consentir que a educación dos seu fillos e fillas sexa de peor calidade do que até agora.

A Illa de Arousa, 31 de Agosto de 2011

martes, 23 de agosto de 2011

ASEMBLEA XERAL


DIRIXIDA A: 
  • Pais e nais de todo o alumnado do IES ILLA de AROUSA
  • Todas as persoas interesadas
ASUNTOS:
  • Falta de recursos (profesorado e espazos) no IES Illa de Arousa
  • Posibles medidas de presión a adoptar
DATA:

Martes, 30 de Agosto de 2011, ás 20.00 horas

LUGAR:

Salón de Plenos do Concello da Arousa.



lunes, 8 de agosto de 2011

De crise e reformas

O conselleiro de Educación visitou Cambados para anunciar reformas nos seus centros educativos.
O IES Illa de Arousa leva anos sufrindo a precariedade dunhas instalacións que non son suficientes para dar a debida atención ao alumnado que recibe.
Desde o incio da súa actividade houberon de ser realizadas varias obras para acondicionar novos espazos que fixeran frente ás necesidades pedagóxicas do centro:
  • Foi eliminada a cafetaría para crear unha aula de informática (seique os centros de dúas liñas non tiñan que usar as TIC)
  • Foi transformado o almacén para crear unha aula de Audiovisuais.
  • Foi reutilizada a aula de Plástica para aula de referencia
  • Foron eliminadas as bancadas do pavillón para construir nese espazo unha nova aula de Plástica.
  • Foron eliminados dous Departamentos Didácticos para dotar unha segunda aula de informática (porque resulta que nos centros de dúas liñas si son usadas as TIC)
Seguimos tendo escasez de espazos para poder facer desdobres e grupos máis pequenos.
Por iso, nos últimos tempos vimos reclamando reformas no centro para adaptalo ás súas necesidades reais, propondo o propio centro alternativas varias para aforrar os custos dunha, en realidade, indispensábel ampliación. Sen ir máis lonxe, para o curso 2011-2012 precisamos de dúas aulas máis que NON TEMOS. 
A razón para negar estas reformas é a crise. Crise que, polo que vemos, non afecta igual en todas as partes:

NON O ENTENDEMOS.

DEFENDAMOS UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA DE CALIDADE



miércoles, 3 de agosto de 2011

Asemblea Urxente

ASEMBLEA INFORMATIVA


TEMA: FALTA DE PROFESORADO PARA O CURSO 2011-2012

DIRIXIDA A:
  • PAIS E NAIS DE ALUMNADO QUE CURSARÁ 2º ESO
  • PAIS E NAIS DE ALUMNADO QUE CURSARÁ 3º ESO-PDC
  • TODAS AS NAIS E TODOS OS PAIS INTERESADOS
CONVOCA: EQUIPO DIRECTIVO DO IES ILLA DE AROUSA

DATA: 11 DE AGOSTO  DE 2011

LUGAR: BIBLIOTECA DO IES ILLA DE AROUSA

HORA: 20.00 horas.

Redución de Profesorado para o curso 2011-2012


Durante o mes de Xullo, o equipo directivo do centro estivo negociando o profesorado para o curso 2011-2012. 
Preparamos informes, dos que fixemos entrega á Inspección Educativa, nos que argumentabamos a necesidade de:
  • dotar o Centro de máis espazos para aulas
  • contar con tres 1º ESO debido ao aumento de matrícula 
  • poder desdobrar un dos 2º ESO para reducir a conflitividade nese nível e mellorar o seu rendemento académico.
  • contar con  grupo de PDC en 3º ESO
  • contar cun PCPI
  • contar cun mestre/a especialista en Pedagoxía Terapéutica para reforzar a Atención á Diversidade
Para todo isto solicitabamos unha plantilla de 28 profesores/as 

 Con todas estas medidas pensamos que podemos dar a atención que o noso alumnado necesita para aumentar o número de titulados no centro e reducir ao mínimo o fracaso escolar.

A resposta da Consellaría consistiu en:
  • dar permiso para organizar tres 1º ESO 
  • conceder ao centro a organización de Agrupamentos Específicos en 2º ESO, un PDC de dous anos en 3º ESO e un PCPI.
  • dar a calada por resposta á necesidade de novas aulas
  • conceder 25 profesores/as, dos que un sería exclusivamente para o PCPI. 
CONSECUENCIAS: na práctica non podemos levar adiante todas as medidas concedidas porque non contamos nin con AULAS nin con PROFESORADO suficiente.

POR UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE