viernes, 4 de noviembre de 2011

II Día da Ciencia en Galego


Hoxe, 4 de Novembro, é o Día da Ciencia en Galego.

Desde o IES Illa de Arousa unímonos á convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL e anotámonos a unha actividade diferente e novidosa: asistirmos a unha video-conferencia.
A conferencia levaba por título "Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial", e o seu relator foi Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.
Ángel Carracedo é unha das eminencias mundiais en temas de xenética e ten colaborado coas institucións policiais e forenses en asuntos tan coñecidos como os atentados do 11M e 11S ou as tsunamis do Índico. Ao laboratorio que el dirixe na USC chegan solicitudes de axuda de todo o mundo.


A conferencia de Ángel Carracedo consistiu nunha introdución sobre o ADN como punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial. Unha vez que falou o relator, este foi respondendo a todas as dúbidas e curiosidades do alumnado participante facendo uso dun chat.

A conferencia foi retransmitida por internet a 100 centros galegos porque o científico se encontra nestes días na cidade brasileira de Natal asistindo a un congreso.

Aínda que esta actividade estaba recomendada para o segundo ciclo da ESO, vímonos obrigados a limitala aos grupos de 4º ESO, pois non tiñamos no centro un espazo con acceso a internet no que tamén collese o alumnado de 3º ESO.    
Nos próximos días será editado o vídeo da actividade, polo que poderemos gozala todas as persoas interesadas.

A CIENCIA e a TECNOLOXÍA, TAMÉN EN GALEGO!


No hay comentarios: