lunes, 18 de marzo de 2013

A LOMCE para tod@s

A AMPA do centro pediunos unha pequena introdución á LOMCE, para entender as mudanzas que esa lei pode traer ao ensino onrigatorio se é aprobada polo goberno. Preparamos esta presentación para comentar os aspectos máis destacados da proposta. 


lunes, 26 de noviembre de 2012

Roi Casal

Roi Casal actuará o sábado que vén no Auditorio da Arousa. E por esa razón tivo a bem ofrecer ao alumnado do noso centro un petisco do espectáculo que ten preparado para o día 1 de decembro. Acompañouno Silvia Ferre e entre os dous, ademais de cantar e tocar, explicáronos as orixes do instrumentos musicais que traían con eles e das letras que utilizaron na súas melodías. 
Un luxo. 

lunes, 12 de noviembre de 2012

Ollos de aula 2

Saiu xa o novo número de Ollos de Aula, a revista para as familias editada pola Coordinadora Galega de ENDL. Aquí podedes descargar e ler.

Encontraredes artigos sobre as reválidas (unha das apostas da nova lei educativa) e sobre os CONSELLOS ESCOLARES. Este último vale moito a pena, pois andamos ás voltas coas eleccións para renovar o noso.


miércoles, 17 de octubre de 2012

Ollos de aula: nacemento


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística vén de publicar o primeiro número dunha revista mensual que pretende ser un camiño de comunicación entre profesorado, centros e familias para acompañarvos a pais e nais na tarefa de educar as vosas fillas e fillos.
O primeiro número de Ollos de Aula inclúe un artigo con recomendacións para comezar ben o curso. 
Desde este blog teredes acceso aos números da revista (de carácter dixital), que podedes descargar en PDF.

lunes, 3 de septiembre de 2012

Recollida cheques libros

A partires do venres 7 de setembro poderanse recoller os cheques para a adquisición de libros de texto.
Horario de 9 a 14h

martes, 5 de junio de 2012

Art.bores

Temos este blog un pouquiño abandonado... Semella que desde marzo non voltamos facer nada e non é certo. Só que non hai tempo para todo... Unha proba disto é este fermoso vídeo que realizou Carme Hermo, artista que xunto con Antón Sobral, vén sempre que pode polo centro a preparar unha sesión de Arte e Natureza. Este ano andamos gafados coa chuvia, e houbo que adiar o obradoiro nonseicantas veces. Porén, finalmente, o martes 15 de maio puidemos facer, representados polo alumnado de 1º ESO, a nosa intervención artística no Cabodeiro, para chamar a atención sobre a necesidade de reforestar o planeta. Eis tedes o que fixemos:

domingo, 4 de marzo de 2012

Marzo en feminino: reivindicando as mulleres traballadoras

Mulleres vestidas con bata traballaron arreo para manter as familias

Comeza marzo e desde o IES Illa de Arousa queremos aproveitar a data do 8 de Marzo para reivindicar a forza do traballo feminino para facer andar o mundo.
Por unha parte, lembraremos as loitas das mulleres de aquí, as da Arousa, as avoas, tías e viciñas do noso alumnado que no seu día pelexaron para que a conserveira Odosa non pechase. Farémolo visionando e traballando o documental de Uqui Permui Doli doli doli coas conserveiras... rexistro de traballo, do que tedes aquí o trailer de presentación:


Ademais disto, que faremos co alumnado do segundo ciclo, tentaremos encher unha SENEIRA DE BATAS, para recoñecer a cantidade de traballos non remunerados que as mulleres veñen realizando historicamente só por seren mulleres. Recollemos a idea do traballo realizado polo IES Alexandre Bóveda, de Vigo e do documental Bata por fóra, muller por dentro, de Claudia Brenlla.
Para isto partimos destas curtas:

Para comezar, música:




O Soño Imposible



Sorkunde

jueves, 1 de marzo de 2012

Solicitude de Admisión na ESO, curso 2012-2013

Para o alumnado de Sexto de Primaria que NON estea matriculado no CEIP TORRE-ILLA, está aberto o prazo para reservar praza no IES Illa de Arousa o curso que vén. 
As solicitudes deben ser entregadas entre hoxe, 1 de Marzo, e o próximo 10 de Abril.

As persoas interesadas deberán presentar o anexo II da Orde do 17 de Marzo de 2007 e a copia do DNI do alumno/a ou copia do Libro de Familia acreditativo da súa idade.

Mes ecolóxico

Abraham e Miguel traballando con moita ánsia
 O grupo de voluntariado da horta anda este mes a traballar actividades complementarias e extraescolares relacionadas coas árbores e a reforestación.
Antesdonte, os grupos de 3º ESO viaxaron até A Coruña para visitar os Museos Científicos

Onte foi a quenda do voluntariado que gasta parte dos seus recreos en coidar a horta do centro. A cita foi na área recreativa de Testos, onde plantamos as árbores que desde hai tres anos criamos no noso viveiro forestal. Para iso contamos coa colaboración do Concello da Illa de Arousa e a súa concellaría de Medio Ambiente.

Aí nos tedes na prensa: 

As actividades continuarán durante estes días.

viernes, 3 de febrero de 2012

Entroido 2012


Como xa vos foi explicando Begoña polas aulas, o tema de Entroido para este ano é a música: escollede o voso estilo:
clásica

rock, samba, jazz, punk, merengue, heavy, tradicional, pop... escollede o voso tema, practicade o voso baile, e a gozar da música.

LEMBRADE que o xurado, o día do concurso, valorará especialmente a implicación do grupo-clase na organización do disfraz.

Semana da Paz

Hoxe acabou no IES Illa de Arousa unha semana adicada a conmemorar o Día Escolar da Paz e a Non-Violencia, que cadra co 30 de Xaneiro. 
Por unha parte organizamos o Ciclo Cine para Vivir, Cine para Convivir, co que todas as titorías participamos no visionado e realización de actividades dunha destas películas: 
1ºESO:
El Señor de las Moscas

2º ESO e PCPI:
El niño con el pijama de rayas

3º ESO:
A lingua das bolboretas

4ºESO:
A onda

Os grupos de 4º ESO, como parte do seu traballo na materia de ÉTICA, decoraron o centro con cartaces e obxectos relacionados co tema da PAZ. Ademais, a biblioteca preparou unha mini-exposición que nos lembraba cada un dos DEREITOS HUMANOS acompañados de datos sobre o seu grado de incumprimento no mundo actual.

O xoves, entre profesorado, alumnado e familias, organizamos un MERCADIÑO SOLIDARIO. Aportamos cadaquén libros, xogos, xoguetes, películas, complementos... que puxemos à venta. Foi entón que todos e todas nos transformamos en compradores, e demos cabo de boa parte da mercadoría posta à venda. Recadamos, por agora, 260 euros, que doaremos a unha ONGd elixida pola comunidade (aceptamos propostas nos comentários).

No propio MERCADIÑO, as nosas compañeiras da horta puxeron á venda as primeiras leitugas da tempada, para no seu caso, destinar o diñeiro a unha ONGd medioambiental, para proxectos de  repoboación.
Meli mercando leitugas en presenza da fotógrafa da VOZ.

Na Voz de Galicia podedes ver unha reportaxe.

Como vedes, a semana foi completa... e o Entroido eis o vén...


lunes, 16 de enero de 2012

PROBAS das MATERIAS PENDENTES

         No mes de Febreiro temos marcadas as probas parciais das Materias Pendentes (xa sabedes, suspensos dos cursos anteriores). A proba non se realiza en todas as materias, só naquelas que xa o indicaran os Departamentos responsables. O calendario queda como segue:

LUNS, 6 de FEBREIRO:
Aula de Plástica, no recreo, recollida de material de PLÁSTICA
Aula 1, 16.30 da tarde, PARCIAL de Lingua INGLESA

MARTES, 7 de FEBREIRO:
Aula de Plástica, no recreo, recollida de material de PLÁSTICA

MÉRCORES, 8 de FEBREIRO:
Aula de Tecnoloxía, 16.30 da tarde, PARCIAL de TECNOLOXÍA
Aula 1, 17.30 da tarde, parcial de FÍSICA E QUÍMICA

XOVES, 9 de FEBREIRO:
Aula 1, 16.30 da tarde, PARCIAL de MATEMÁTICAS

LEMBRADE que na maioría das materias tiñades traballos para entregar entre Xaneiro e Febreiro.

lunes, 14 de noviembre de 2011

Programa Rotas Literarias

Hai tres anos fomos facer a Rota do Romanceiro Medieval pola provincia de Zamora.

Acabamos de darlle forma ao Proxecto que presentaremos para conseguir participar no Programa do MEC, Rotas Literarias.
Este programa consiste na relazación dunha Rota Literaria adicada a un/ha autor/a importante da Literatura Española. A viaxe ten unha duración dunha semana, durante a cal o grupo que participe convive con outro doutro centro educativo diferente. 
Esta tarde, ás 19.00 horas, teremos unha xuntanza con pais e nais de alumnado de 3º ESO para explicar as condicións da participación na actividade en caso de que o centro sexa seleccionado polo MEC. 

Agardamos ter sorte!



viernes, 4 de noviembre de 2011

II Día da Ciencia en Galego


Hoxe, 4 de Novembro, é o Día da Ciencia en Galego.

Desde o IES Illa de Arousa unímonos á convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL e anotámonos a unha actividade diferente e novidosa: asistirmos a unha video-conferencia.
A conferencia levaba por título "Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial", e o seu relator foi Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.
Ángel Carracedo é unha das eminencias mundiais en temas de xenética e ten colaborado coas institucións policiais e forenses en asuntos tan coñecidos como os atentados do 11M e 11S ou as tsunamis do Índico. Ao laboratorio que el dirixe na USC chegan solicitudes de axuda de todo o mundo.


A conferencia de Ángel Carracedo consistiu nunha introdución sobre o ADN como punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial. Unha vez que falou o relator, este foi respondendo a todas as dúbidas e curiosidades do alumnado participante facendo uso dun chat.

A conferencia foi retransmitida por internet a 100 centros galegos porque o científico se encontra nestes días na cidade brasileira de Natal asistindo a un congreso.

Aínda que esta actividade estaba recomendada para o segundo ciclo da ESO, vímonos obrigados a limitala aos grupos de 4º ESO, pois non tiñamos no centro un espazo con acceso a internet no que tamén collese o alumnado de 3º ESO.    
Nos próximos días será editado o vídeo da actividade, polo que poderemos gozala todas as persoas interesadas.

A CIENCIA e a TECNOLOXÍA, TAMÉN EN GALEGO!


jueves, 3 de noviembre de 2011

O Día de Pedir

Destrozar xanelas nunca foi tradicional
 Unha das cousas que nos gustan da Arousa é que nela siguen vivas tradicións xa mortas ou desaparecidas noutras zonas de Galiza. Igual aquí non perdura o Samaín, pero todo o mundo celebra o Día de Defuntos e, o día 2 de Novembro, o Día de Pedir.

Se o día 1 son os maiores os protagonistas, pois pasan a noite no cemiterio velando e lembrando os seus mortos, o Día de Pedir ten por protagonista a infancia: nenos e nenas saen aos camiños e van casa por casa "pedindo unha esmoliña, polos defuntiños que van alá". Aínda que pareza Hallowen, non o é.

O que non aparece recollido en ningunha ancestral tradición é aproveitar a noite de Defuntos para facer destrozos nas instalacións que son de todos e todas. Iso é algo que a veciñanza da Arousa non debería consentir. O que podería ser unha brincadeira infantil sen máis importancia que a que lle queiramos dar (tirar ovos ás fachadas das casas) leva uns anos virando nunha carta branca para protagonizar actos vandálicos.

Porque destrozar ano si e ano tamén o invernadoiro do Instituto (o noso invernadoiro, pagado cos cartos de todas e todos) non ten graza ningunha. Pero destrozar xanelas de aulas nas que estuda o alumnado da Arousa ten moita menos.

Estas actuacións, que se aproveitan da tradición só para facer mal, non deberían ser respaldadas, protexidas, ou amparadas por ninguén.

E resulta penoso que os esforzos de TODA a Comunidade Educativa da Arousa (profesorado, pais e nais, institucións) sexan desprezados, precisamente, polas persoas destinatarias de toda esa loita.

jueves, 27 de octubre de 2011

Chegou o Samaín...

...e como temos unha horta moi produtiva, podemos celebralo ecolóxicamente!!

Nunha simbiose sem precedentes entre a Biblioteca e o voluntariado da Horta, organizamos un Obradoiro de Cabazas Terroríficas.

Comprendemos desta maneira a orixe ecoloxista do Samaín, pois nós aproveitamos para a actividade as cabazas da horta que xa ninguén quixo para cremas e sopas. Como choveu, e non pouco, estes días, tivemos que facer o traballo na entrada do centro, que non é o lugar máis cómodo, pero aínda así, nun par de recreos, houbo curre, voluntariado e resultados.

Baleirando cabazas

Merendando cerebro de calacús

miércoles, 26 de octubre de 2011

Xuntanza para nais e pais de 1º ESO

Facendo actividades no CEAM de Viérnoles, Cantabria

O Xoves, 27 de Outubro, ás 19.30 da tarde, teremos unha xuntanza na Biblioteca do IES Illa de Arousa para informarvos sobre a solicitude de participación do centro no Programa de Centros de Educación Ambiental, que convoca o Ministerio de Educación.

A participación neste Programa daríanos a posibilidade de facer unha viaxe dunha semana a Cantabria ou Zamora cun grupo de ata 24 nenos e nenas de 1º ESO.

Nesta xuntanza vos explicaremos en que consiste o proxecto e que condicións debe cumprir o alumnado que queira participar.

martes, 18 de octubre de 2011

Onte recollemos o noso premio!!

Onte recollemos o noso 2º Premio no Festival de Cine de Ourense.
Saímos en prensa:
- "Premio cinematográfico para o IES Illa de Arousa" La Voz de Galicia
- "La generación digital revela su creatividad audiovisual" La Región
- "Gala Ouff Escola"Páxina oficial do Festival de Cine de Ourense

Falan de nos en blogues, etc
"...A curta premiada, titulada “O xefe Seattle, salvaxe?” competía con outras 40 curtas chegadas de institutos de toda Galicia"
"... Así pois, paga a pena visualizar esta curta, tanto pola súa mensaxe de valor incalculable, como polo xenial traballo destes rapaces."
"Os rapaces do IES Illa de Arousa gañan o 2º premio de curtas" Blog Augamorta
Cultura Galega




O xefe Seattle: salvaxe? from Ourense Film Festival on Vimeo.

jueves, 13 de octubre de 2011

Cadea Humana

Onte, día festivo e non lectivo, alumnado, profesorado, pais, nais e unha chea de amigos e amigas da Arousa, xuntámonos na esplanada do Bao pra unir a Illa co continente de mans dadas a través da ponte. A convocatoria foi un éxito, como podedes ver nas seguintes fotos, que no fixo chegar o amigo Cristóbal:


Panorámica da ponte e do camiño que recorremos


Moitos e moitas eramos!!


Solidariedade reflexada no piche


Gostades desta imaxe como símbolo?


O profesorado tamén levou a súa pancarta




E hoxe, claro está saímos na prensa, en toda con máis fotografías nas edicións en papel que nas dixitais:
Diario de Arousa
A voz de Galicia
Faro de Vigo.
Diario de Pontevedra.
El País
No Telexornal da TVE-Galicia (a partir do minuto 19.15)