Esta é Asemblea de Madrid. Na Arousa non eramos tantos, pero por aí lle andamos. |
No día de onte, 30 de Agosto de 2011, no Salón de Plenos do Concello da Illa de Arousa, foi celebrada unha asemblea xeral para analizar a situación do IES Illa de Arousa de cara ao curso 2011-2012.
A esta asemblea asistiron representantes do profesorado do centro, do cal o equipo directivo explicou a situación, mais dun cento de pais e nais do alumnado e representantes dos partidos políticos con presenza na corporación municipal.
O IES Illa de Arousa non conta este curso nin con profesorado nin con espazos suficientes para ofrecer a oferta educativa que ten autorizada. A pesar de serlle concedido un grupo máis de alumnado que o curso pasado, pasando a contar con un PCPI (Programa de Cualificación Profesional Inicial) que viña sendo reivindicado hai anos, foi reducido o número de docentes nunha praza completa e outra compartida. É dicir, a máis grupos, menos profesorado.
Ademais disto, non se acepta a reivindicación do centro de contar con tres segundos da ESO, para reducir a conflitividade e mellorar a atención educativa.
Polo que respecta aos espazos, novamente se pon en evidencia a falta de aulas da que sofre o centro desde a súa creación, non tendo suficientes neste momento para atender a oferta autorizada pola propia Consellaría de Educación.
Durante a asemblea foi posto en destaque por pais e nais que tomaron a palabra, que este é un problema xa denunciado no curso pasado e sobre o que a Consellaría non tomou medidas, a pesar de terse comprometido a iso coa comisión creada ao efecto. Lembrouse que as familias abandonaron as mobilizacións en Setembro de 2010 despois da promesa de ser recibidos polo Xefe Territorial de Pontevedra, para analizar a situación crónica de déficit do centro e darlle solución, xuntanza que nunca chegou a celebrarse.
Por esta mesma razón, a Asemblea optou por solicitar unha xuntanza urxente co Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, para esixir a resolución destes problemas antes do comezo de curso, o vindeiro 16 de Setembro. Esta solicitude foi asinada e respaldada por unha comisión de pais e nais, de profesorado e así mesmo polo alcalde da Illa de Arousa e representantes dos tres grupos políticos do Concello: PSOE, PPdG e BNG.
Se esta comisión non é recibida polo Conselleiro, anunciará mobilizacións para os próximos días, pois as familias da Arousa non van consentir que a educación dos seu fillos e fillas sexa de peor calidade do que até agora.
A Illa de Arousa, 31 de Agosto de 2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario